Igrexa de Santa María de Mixós
Igrexa de Santa María de Mixós | |
---|---|
Vista xeral | |
País | España |
Localización | Mixós (Estevesiños, Monterrei) |
Coordenadas | 41°57′45″N 7°27′16″O / 41.96241, -7.454425 |
Diocese | diocese de Ourense |
Estilo | arte prerrománica |
[ editar datos en Wikidata ] |
A igrexa de Santa María de Mixós é un templo relixioso prerrománico, situado no lugar de Mixós, na parroquia de Estevesiños (Monterrei). O 3 de xuño de 1931 foi declarada Monumento Histórico-Artístico e é Ben de Interese Cultural.
Historia
[editar | editar a fonte]A súa formación parece bastante temperá, pois todo indica que xurdiu á sombra dun primitivo cenobio fundado por San Martiño de Dumio no século VI. No templo actual, do século IX, empregáronse materiais anteriores[1]. O convento de Mixós logo pasou a depender do mosteiro beneditino de Celanova.
O lugar está atravesado polo camiño de Santiago, na rota da Vía da Prata que desde Verín toma por Laza. Este camiño está identificada coa vía romana que conectaba os itinerarios XVII e XVIII do itinerario de Antonino, no punto no que se cruza con outros que van cara a Vilela e Vilela de Abaixo.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]O templo é de planta rectangular, coa porta, de arco oxival, no muro sur. na súa orixe era de planta basilical con tres ábsidas e tres naves separadas por arcos de ferradura, conservándose o inicio do primeiro arco do lado sur da nave central. Suponse que o templo orixinal non estaba abovedado ao non se atoparen restos de contrafortes. O tellado é a dúas augas.
A cabeceira é de cantería, con tres ábsidas co exterior rectangular, sobresaíndo o central. Cada ábsida ten cadansúa ventá, estreita e alongada, acabadas en arco de ferradura. As ábsidas teñen planta en forma de semicírculo prolongado, cubertas por bóvedas de ladrillo. Os altares das ábsidas norte e central están soportados por aras romanas, cunha inscrición adicada a unha deusa precristiá na da ábsida central. A ábsida central ten unha imaxe de Xesús Cristo crucificado, con restos da policromía orixinal na bóveda.
Etnografía
[editar | editar a fonte]Vítor Vaqueiro conta, recollendo información de Taboada Chivite e Xaquín Lorenzo, que en 1960 se descubriron varias bolsiñas cheas de terra tralo altar. Procedían dun vello ritual curativo que consistía no seguinte: as persoas enfermas de febres subían ó monte onde está a igrexa e collían un pouco de terra, esta terra poñíase nunha bolsiña que levaban ó pescozo e, alcanzada a curación, agochaban a bolsa no altar da igrexa
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Porta do muro sur.
-
Detalle do campanario
-
Ventá na ábsida
-
Vista desde o sueste
-
Vista interior
-
Altar da ábsida central
-
Altar da ábsida sur
-
Altar da ábsida norte
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Caballero Zoreda, L.; Sánchez Santos, J.C.: Reutilizaciones de material romano en edificios de culto cristiano. Antigüedad y cristianismo: Monografías históricas sobre la Antigüedad tardía, nº 7, 1990, páxs. 431-486
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bouza Brey, F.; Fontes Canal, M.; Ramón Fernández-Oxea, X. (1928). "A eirexa de Santa María de Mixós e as súas aras romanas". Nós (59-60): 199–201, 224–229.
- VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011, s. v. Domingos III.